Máis unha etapa no día de hoxe, 23 de novembro de 2019, polo Camiño da Geira e dos Arrieiros, de algo máis de 20 kms.
Despois das intemperies destes días, hoxe tivemos un día sen chuvia, o que facilita a andaina e posibilita gozar máis das paisaxes e ver horizontes despexados.
Foron 20 kms preciosos, variados en matices, cheos de beleza en forma de cores, sabors, cheiriños e sentires, sons e pegadas sobre sendeiros brandos cubertos de frouma e follas cor de outono espléndido.
Os ríos, cheos a rebosar, estiveron presentes sempre ó longo da nosa andaina: o Miño, o pai Miño, maxestuoso e pletórico alí embaixo, sempre á nosa esquerda.
O Arnoia e o Avia foron saíndo ó seu encontro segundo iamos avanzando sumando forza e vida para unhas terras cheas de sede hai tan só uns meses, agora fartas e agradecidas por tanta xenerosidade líquida.
As cores que se nos ofrecían tiñan todos os matices múltiples dun outono grisallento no ceo pero vermello, dourado , acastañado, verde irto en madroños, follas de pradairo, de ameneiro, de castiñeiro, de musgo e de sobreira mornamente verdegrisáceo e piñeiro resinoso.
Os fentos é por zonas: un marrón caoba brillante á raiola diagonal dun sol esquivo, e amareloverdoso languidecente noutras chousas.
Os sons da auga, fachendosos en ríos e rigueiros, acompañan de cando en vez, impoñéndose a todo o entorno.
O silencio do Miño, inmóbil en apariencia, espellando as nubes e os montes, non deixa de sorprendernos. Tal é a cantidade de auga muda, inmensamente silandeira.
Os madroños estrando dun vermello rechamante as beiras dos sendeiros, invitan a mirar carra arriba e descubrir uns arbustos verdes cheos dunha froita tan sabrosa como atraínte ós ollos.
Sentímonos en comuñón coa natureza exuberante e farturenta.
Os cogumelos cor café con leite, brancos, amarelos e algunha cesárea alaranxadadourada-
vermella sorpréndennos coma se atoparamos un pequeno tesouro.
Arrecende a monte cheo de vida e cor, a cortizas de árbores tapizadas de musgo e líquen. Igual cás penedas recubertas dun verde veludo natural mollado.
Descubrimos por eses pobos adiante petos de ánimas,fontes con e sen data, hórreos en desuso e algúns escangallados, igrexas pouco ou nada frecuentadas, cruceiros, antigas escolas “nacionais” reconvertidas en locais sociais, e casas, todas as casas, con patín, de pedra as casas de cantería, encintadas, casas soas moitas delas, casas restauradas, bancos de madeira da Deputación de Ourense onde ninguén se senta, e vellos e vellas outeando desde a horta , desde a fiestra, e grandes extensións de vides, amareladas neste tempo e cor púrpura, algunhas, poucas, xa podadas.
Todo é viño no Ribeiro.
Casonas, igrexas, balados impoñentes doutros tempos delimitando propiedades e señoríos.
Galerías soas dun branco usado e sen vida, todo pechado en si mesmo.
Falta vida e sobra beleza.
Non podemos senón preguntarnos: até cando estas vides pervivirán?
Tantas laranxas pendurando das laranxeiras ó pé das casas, quen as comerá?
En Ribadavia todo é fermosura e soidade, historia e silencio, humidade e pedra. Igrexas e máis igrexas. Árbores amarelas de copas inmensas e ben coidadas.
Todo é quietude e silencio a finais de novembro. Nada que ver co rebumbio puntual da Festa da Istoria alá polo mes de agosto.
Un ceo cheo de nubes formando castelos caprichosos, coma o da vila, despídenos até a próxima andaina.
A vida pode ser isto: camiñar e camiñar até o fin.

Castelo de Ribadavia

Igrexa de Santiago (S. XII – XIII)

Soportales en Ribadavia